Friday 17 de May de 2024

O concello ingresa 1,29 millóns de euros que o Estado lle adebedaba pola subvención do proxecto Riveira Atlántica 2015


O Estado acaba de ingresar nas arcas do Concello de Riveira boa parte do diñeiro adebedado pola subvención con fondos Feder para poder levar a cabo o proxecto Riveira Atlántica 2015.

Neste senso, a cantidade recibida hoxe polo Concello ascende a un total de 1.290.234,62 euros: é dicir, todo o que faltaba por ingresar dos 5.046.018 euros outorgados inicialmente polo Estado ao obxecto de financiar o 70% do Riveira Atlántica, a excepción dun 5% (252.000 euros) que a normativa europea obriga a reter un tempo como garantía na liquidación.

Cómpre lembrar que no transcurso do desenvolvemento do programa operativo Feder, a porcentaxe de financiamento europeo incrementouse do 70% ao 80% para Galicia: unha cantidade equivalente a 600.000 euros que, xunto aos 252.000 euros anteriores, tamén quedan pendentes de entrar nas arcas municipais.